martes, 29 de xuño de 2021

Recomendacións lectoras

Comeza o verán!! Sede moi moi felices, xogade, cantade, bailade, falade moito, paseade en bicicleta, montade a cabalo... Facede todas as cousas que vos gustan e vos fan felices, que ben o merecedes despois deste longo e angustioso curso 2020/2021.

E se tedes un cachiño de tempo, facede que goce tamén a vosa imaxinación a través da lectura. Para iso vos deixamos as recomendacións lectoras da Biblio e do EDLG. Lembrade que a lectura nos fai vivir moitas vidas e moitas aventuras!!



Vémonos en setembro!!

venres, 25 de xuño de 2021

Despedida dunha nova promoción do noso centro

O martes 22 de xuño celebramos un acto que sempre nos gusta: a graduación do alumnado de 4º ESO. Dende este equipo tamén queremos desexarlles o mellor na nova etapa educativa e en todo o que emprendan. 

É hora de voar, e farédelo máis alto e con máis forza ca eses ansiados bonetes!! 

🎉🎉 Parabéns!! 🎉🎉

I Festa da Lingua

Remata o curso e a mellor maneira de facelo é cantando e bailando en galego!! A proposta do alumnado que forma parte do EDLG, este ano decidimos celebrar a nosa I Festa da Lingua co concerto de The Tetas' Van, un grupo ourensán reivindicativo, feminista, lgbtiqa+friendly e moi moi divertido.

Este é o cartaz do evento, non volo perdades e vide con gana de festa!!



E agora un pequeno resumo audiovisual para ver o ben que o pasamos:
 

Foi un curso moi duro, había que rematalo celebrando a #vida e a #lingua e así o fixemos. Agora a pasar un verán fantástico e volvemos en setembro!!


martes, 18 de maio de 2021

Día das Letras Galegas 2021: Xela Arias

Chegou o Día das Letras Galegas!! Hai cousas que nin a pandemia pode cambiar (e menos mal!). Este ano está dedicado a #XelaArias e o alumnado de 2º ESO fixo esta marabilla de vídeo para achegarnos á Xela nena, á Xela tradutora, á Xela poeta e á Xela inconformista. Agardamos que vos guste!

 


Ademais, o venres 13 dedicamos a xornada a Xela Arias grazas a uns xogos preparados polos equipos de dinamización e biblioteca. Que ben o pasamos!

 

Tamén vos deixamos un exemplo dos cuestionarios que tiveron que resolver en pequenos grupos. Toda a información estaba agochada na exposición da biblio, no vídeo e nos xogos, pero, aínda así, cantas e cantos de vós superariades a proba??

[picade na imaxe para ler o cuestinario]

Ao remate do xogo, todo o alumnado recibiu un agasallo moi doce: un marcapáxinas marabilloso deseñado por Andrea Otero Rego (2ºESO) e unha bolsiña de lambonadas. A nós o que máis nos gustou foi o marcapáxinas, fixádevos que bonitura!?


📍Por diversas razóns loxísticas e climatolóxicas, o concerto da I Festa da Lingua fica aprazado até o día 21/06/2021.




domingo, 18 de abril de 2021

Booktubeiras e booktubeiros para fomentar a lectura!!

Este curso decidimos meternos de cheo no mundo booktubeiro grazas ao alumnado de 2º ESO e 4º ESO. O primeiro que fixemos foi a formación inicial en preparación dun guión para este tipo de pezas audiovisuais e despois todo foi un fluír de ideas e produtos. 

Aquí vos deixamos un par de compilacións para que poidades animarvos o curso que vén a facer os vosos vídeos sobre as vosas lecturas favoritas. Lembrade: o coñecemento só serve se se comparte! 😜











luns, 15 de marzo de 2021

Obradoiro de linguaxe non sexista

En 1º ESO estivemos traballando arreo para entender a importancia de utilizar unha linguaxe inclusiva coa que nos poidamos sentir identificadas todas as persoas, que estea libre de estereotipos sexistas e que fomente a igualdade entre todas as persoas.

Despois da formación, producimos pequenos vídeos cun formato similar ao da canle de Tik-Tok de Esther Estévez. Aquí vos deixamos algún exemplo do melloriño. Lembrade desbotar expresións machistas ou sexistas da vosa linguaxe!!



domingo, 14 de marzo de 2021

Entroido #conCiencia!!

Como a #COVID19 aínda nos segue marcando o día a día, tampouco vai ser este un bo curso para celebrar o #Entroido coas ganas e a creatividade doutros anos. Porén, algo tiñamos que facer, e para solucionar este mal, á #ciencia coa nosa #Meca decidimos invocar!

Cada día dedicamos un mandado a unha #muller #científica e publicamos o código QR que achegaba información sobre elas. 
 


mércores, 24 de febreiro de 2021

Día de Rosalía

Un ano máis, o 24 de febreiro dedicámolo a lembrar e festexar unha das nosas poetas máis importantes e unha referente na loita feminista: Rosalía de Castro. Para achegarnos a ela deixamos neste blog o audiopoemario realizado polo alumnado de 4ºESO.

Rosalía é unha figura imprescindible para entender o noso pasado e o noso presente como pobo. Sempre posicionada a carón das clases oprimidas, sen dubidar nunca de utilizar a súa mellor arma (a poesía) para a loita colectiva. Sen medo a represalias nin ás críticas, cedeulle a súa voz ao país para cantar contra a pobreza, o machismo, a emigración, a desigualdade etc.

Por todo isto, Rosalía sempre en nós!! 💕

Hecho con Padlet

❗❗Nota informativa: temos moitos poemas que iremos engadindo ao padlet segundo rematemos a súa edición. Desculpade as molestias, non nos deu tempo a máis! 😊

martes, 2 de febreiro de 2021

Día escolar da non violencia e a paz

O pasado sábado 30 de xaneiro conmerouse, un ano máis, o Día escolar da non violencia e a paz. Este curso, dadas as circunstancias xa coñecidas, foinos imposible celebrar unha actividade de centro como viña sendo habitual. Por iso ides ver varios proxectos diferentes, todos eles cheos de #tolerancia, #respecto, #amor e #solidariedade; porque estas son as claves coas que construímos a convivencia no noso centro.

En Educación Infantil e Educación Primaria fixeron un precioso e colorido mural da paz e una cadena de favores. Por outra parte, na ESO fixemos acrósticos e caligramas que deixaron fluír o talento do alumnado, tanto para a composición poética coma para a execución artística. O primeiro que fixemos foi unha chuvia de ideas coas que buscamos todas as palabras que semanticamente relacionamos coa paz. 

Aquí tedes algunhas fotos (grazas a Conchi, a improvisada reporteira gráfica da actividade e coordinadora do Equipo de Convivencia):

Por último, tamén na ESO, reflexionamos sobre a situación mundial derivada da #COVID19 e realizamos unha campaña de concienciación da doazón de vacinas a países en vías de desenvolvemento. Eis o resultado: