martes, 17 de novembro de 2020

Día da ciencia en galego 2020



Seguimos defendendo e visibilizando a #cienciaengalego e as #mullerescientíficas neste Ano Internacional da Saúde 2020 (que estraña casualidade da vida, non vos parece? 😓).

Onte, por fin, tivemos a incrible oportunidade de participar activamente en directo no webinario do que xa vos viñemos anticipando información dende este blog e as nosas RRSS. Esta actividade foi organizada por  #Igaciencia, #CAFI e a Coordinadora de EDLG.

Como xa sabedes, a conferencia central estivo a cargo da neurocientífica galega Sonia Villapol Salgado (@svillapol). Baixo o suxestivo título de "Só a ciencia nos rescatará da pandemia", estas dúas horas compartidas vía internet con Houston resolvéronnos moitas dúbidas e serviron para desmontar bulos e falsas informacións que adoito escoitamos. Sonia tamén nos deixou ben clariño que a co-responsabilidade e as medidas de protección son esenciais para minguar os efectos da #COVID19. 

Se non puidestes ver a conferencia ou queredes volvela ver para tirar máis proveito, deixámosvos o vídeo aquí. Asegurámosvos que é moi recomendable!!


Dende aquí pedímosvos unha vez máis que vos coidedes moito para poder coidarnos en comunidade. 

A nosa fórmula xa sabedes cal é: 
  


ACTUALIZACIÓN IMPORTANTE!!

Como non hai xente coma a da casa, Sonia Villapol acaba de respondernos no Twitter e mellorar a nosa fórmula. Esta científica é ben riquiña! Grazas por divulgar tan ben a ciencia e por facelo en galego!! 💓

Tamén nos manda esta información gráfica:


Moitísimas grazas, Sonia, seguiremos aprendendo contigo a través das RRSS. 😊



❗❗NOVA ACTUALIZACIÓN!!

As alumnas de 2º ESO convertéronse nas nosas #mullerescientíficas #engalego. Queredes comprobalo? Aquí tedes o vídeo!





xoves, 12 de novembro de 2020

Novembro, mes da ciencia en galego





Novembro é o mes da ciencia en galego, polo tanto, temos moito que celebrar e tamén moito que aprender. Na marxe esquerda deste blog podedes consultar diversas ligazóns a páxinas e canles de Youtube de divulgación científica na nosa lingua. Seguro que atopades algo que vos guste e vos interese. Ademais, se coñecedes recursos en galego tanto do ámbito científico coma do tecnolóxico, enviádenolas e poderemos aprender todas e todos.

Temos unha nova moi interesante para compartir convosco: o vindeiro luns 16/11/2020, o alumnado de 4ºESO terá a grande oportunidade de compartir dúas horas de videoconferencia cunha recoñecida neurocientífica galega que traballa en Houston, Sonia Villapol Salgado (@svillapol). O título da súa conferencia é "Só a ciencia nos rescatará da pandemia". Suxestivo título, non vos parece? Ao final da súa charla poderemos facerlle preguntas, polo que, de seguro, imos aprender moitísimo.

Podedes ler máis información sobre a actividade nesta ligazón.

Organizan: EDLG e Departamento de Ciencias do CPI de Zas.

luns, 2 de novembro de 2020

Tributo a Ricardo Carvalho Calero

Aló polo mes de maio, ao abeiro do Día das Letras Galegas, o alumnado da ESO preparou un tributo colectivo a Ricardo Carvalho Calero, figura homenaxeada en 2020 e cun papel realmente determinante na nosa historia recente.

Debido ás circunstancias excepcionais, os actos conmemorativos na súa honra adiáronse en grande parte até o mes de outubro, mais para nós segue na memoria e rescatamos a actividade para que poidades gozala dentro deste espazo dedicado á nosa lingua e á nosa cultura.

Agardamos que vos guste a escolla de versos e imaxes tanto coma a nós.

sábado, 31 de outubro de 2020

Samaín 2020

Coma cada ano, chega o outono e con el o Samaín e o magosto. As circunstancias que estamos a vivir complican que poidamos celebralo coma todos os anos no patio, esconxurando os medos e papando unha manchea de castañas. Non obstante, en Zas non nos rendemos facilmente e, malia todo, preparamos un bo esconxuro, queimamos os medos, decoramos máscaras e comemos lambonadas.

O alumnado de 1º ESO preparou un esconxuro moi especial dedicado a botar dunha boa vez este becho cativo que nos está a mudar a forma de convivir e relacionarnos nestes últimos meses. Aquí vos deixamos as imaxes co texto orixinal de Adrián, Álvaro, Aníbal, Eloy B., Eloy C., Fabián e Óliver que empregamos para os marcapáxinas:


A media mañá recibimos a visita das meigas e dun fantasma que queimaron os nosos medos e esconxuraron o coronavirus para que marche de Zas para sempre! Aquí tedes o vídeo para que poidades velo de novo:


Seguro que con isto ben botamos o becho de Zas e para o Samaín 2021 volvemos ter festa rachada no noso centro.


venres, 29 de maio de 2020

"A Toupiña que quería saber quen lle fixera aquilo na cabeza"

Ola a todos e a todas!

A Xanela do Maxín preséntannos este espectáculo sobre a obra da famosa toupiña que quería saber quen lle fixera aquilo na cabeza.

Agardamos que vos guste!

Preme na imaxe para ver o espectáculo.








MOITO ÁNIMO!

domingo, 17 de maio de 2020

Feliz día das Letras Galegas!

Ola a todos e a todas!

Hoxe celebramos o día das Letras Galegas e, como sabedes, este ano o autor homenaxeado é Ricardo Carvalho Calero.



Leandro Lamas

Deixámosvos aquí algúns recursos: 

Os Bolechas queren achegarmos ao persoeiro a que se lle dedica este ano o Día das Letras Galegas.

Premede en LIBRO para acceder ao libro.



Este é un xogo/canción feita neste tempo de confinamento para seguir coñecendo a vida e obra do homenaxeado. Animádevos a cantar!






A profesora Carmen Pérez Fernández, do IES María Soliño de Cangas do Morrazo, compuxo esta canción a partir dun poema de Carvalho Calero.



"Teño unha dor" (Disco Sons de Nós, 2015).


MOITO ÁNIMO E FELIZ DÍA DAS LETRAS GALEGAS!




mércores, 13 de maio de 2020

Letras Galegas 2020.

Ola a todos e a todas,

Como xa sabedes, o 17 de maio celebramos o Día das Letras Galegas. 

Rosalía De Castro foi a primeira escritora homenaxeada no Día das Letras Galegas, o 17 de maio de 1963.

Escolleuse o 17 de maio para esta celebración porque é a data na que se publicou a primeira edición do seu poemario " Cantares Gallegos".


Este ano o escritor homenaxeado é Ricardo Carvalho Calero. 


Achegámosvos un vídeo onde nos narran a vida e obra de Carvalho Calero.








Tamén queremos que xoguedes e investiguedes!

Preme na palabra XOGO  para acceder a esta actividade. 

Para comezar o xogo tendes que premer no altofalante.









Agardamos que vos guste!


MOITO ÁNIMO!

domingo, 10 de maio de 2020

Aí vén o maio!

Ola a todas e a todos, agardamos que esteades ben.

Con esta imaxe de Leandro Lamas damos a benvida ao "Ciclo de maio".



O Consello da Cultura galega elaborou un proxecto onde xuntou algunhas das voces da música galega. Estes artistas cantan "O maio", un dos poemas máis coñecidos de Curros Enríquez no que o poeta invoca unha primavera de liberdade e xustiza.

Esta canción mestura rumba con influencias da música tropical para dar a benvida ao mes de maio e, de paso, celebrar a vida con talento solidario. 

Agardamos que vos guste!







Deixámosvos aquí a letra por se vos animades a cantar.
O MAIO

Aí vén o maio
de frores cuberto ...
Puxéronse á porta
cantándome os nenos;
i os puchos furados
pra min estendendo,
pedíronme crocas
dos meus castiñeiros.

Pasai, rapaciños,
calados e quedos;
que o que é polo de hoxe
que darvos non teño.
Eu sonvos o probe
do pobo gallego:
pra min non hai maio,
pra min sempre é inverno! ...

Cando eu me atopare
de donos liberto
i o pan non me quiten
trabucos e préstemos,
e como os do abade
frorezan meus eidos,
chegado habrá estonces
o maio que eu quero ...

Queredes castañas
dos meus castiñeiros? ...
Cantádeme un maio
sin bruxas nin demos;
un maio sin segas,
usuras nin preitos,
sin quintas, nin portas,
nin foros, nin cregos.


Manuel Curros Enríquez, "Aires da miña Terra".

xoves, 30 de abril de 2020

Día da Educación Física!

Ola a todos e a todas, esperamos que esteades ben!


O pasado 28 de abril celebramos o día da Educación Física.

Deixámosvos o vídeo realizado pola comunidade educativa do CPI de Zas para conmemorar o día da Educación Física na casa 2020.








Moitos parabéns ás mestras de educación física por esta marabillosa iniciativa.

luns, 27 de abril de 2020

Recursos para entreterse!

Ola a todos e a todas!

Hoxe queremos presentarvos os contos da Editorial OQO.

Esta editorial ten unha canle en YouTube con vídeos dalgúns dos seus contos.

Premede neste enlace: Vídeos de contos.







Tamén queremos achegarvos diferentes series de debuxos animados en galego.

Premede neste enlace: Programas de debuxos infantís.





MOITO ÁNIMO!!!





xoves, 23 de abril de 2020

Hoxe é o día do libro!!

Ola a todos e a todas!

O 23 de abril é o día do libro.




Para celebralo imos recomendarvos unha serie de libros que pon a nosa disposición Baía editorial na súa campaña "Con vós na casa".

Tendes lecturas para todas as idades!!

Tes que premer neste enlace para acceder a elas:


Tamén estaría ben celebrar este día cun pouco de música!

Deixámosvos unha canción de Paco Nogueiras.






MOITO ÁNIMO!!!



xoves, 16 de abril de 2020

Quedamos na casa....lendo moito!

A editorial Xerais pon á nosa disposición catro libros para ler sen saír da casa.



Un deles é para os máis pequenos, Feliz Feroz, o lobiño riquiño, dun autor que publica baixo o pseudónimo de El Hematocrítico.



O segundo, de Teresa González Costa, Fred Quincalla, o nómade do mar é para lectores de máis de oito anos.

Vaia tropa!, de Antón Cortizas é un libro de poemas. 

Para o público xuvenil, Xerais ofrece o libro IV da serie Dragal, A estirpe do dragón, de Elena Gallego.


Para lelos, preme no título.


luns, 9 de marzo de 2020

Vai por todas vós, grazas!


Boas a todas e a todos!

O 8 de marzo do ano 1909 miles de traballadoras textiles dunha empresa de camisas de Nova York saían ás rúas para protestar polos seus dereitos, xa que estas contaban cunhas condicións laborais pésimas.
Dous anos despois, esta fábrica sufriu un gran incendio no que finaron a maioría das traballadoras, o cal sería a gota que colmaba o vaso para que moitas mulleres reivindicasen a igualdade de sexos.

Proclamábase así, o día 8 de Marzo como o día internacional da muller a nivel mundial.

Foron moitas as mulleres que sobresaíron nesta gran loita polos dereitos das mulleres. Non podemos deixar de nomear á galega Rosalía de Castro a cal plasmaba nos seus poemas a defensa dos dereitos feministas.

Deste xeito, dende o CPI de Zas quixemos sumarnos a esta loita e por iso, todo o alumnado de infantil, primaria e secundaria estiveron a realizar unhas postais, que nuns días chegarán a todas as casas con algúns dos versos dos poemas de Rosalía, aprobeitando que o pasado 24 de febreiro se cumplían 183 anos do seu nacemento, e un debuxo co obxectivo de facer homenaxe ás mulleres das súas vidas.


Aquí vos deixamos un vídeo desta actividade na que estivemos traballando arreo durante os pasados días... Esperamos que vos guste!





Tamén nos gustaría agradecer a todos os membros do centro e do Concello de Zas a súa colaboración nesta actividade.


sábado, 29 de febreiro de 2020

Celebrando con Rosalía

Boas a todas/os!


O pasado 24 de febreiro cumplíronse 183 anos do nacemento da nosa querida poetisa Rosalía de Castro. 
Dende o CPI de Zas quixemos lembrar á gran mestra da poesía Galega coa realización dun mural no que os alumnos e alumnas de primaria e secundaria traballaron arreo escollendo un poema da mesma que posteriormente colocaron no mural formando o rostro de Rosalía.
Os cativos de infantil tamén puxeron o seu gran de area na elaboración do mural, pois eles fixeron portadas de libros con títulos das súas obras.

A continuación deixámosvos unha imaxe do noso traballo:




xoves, 27 de febreiro de 2020

Entroido!

Ola a todas e a todos!

Un ano máis o entroido non defrauda.

A semana do entroido estivo chea de sorpresas. Non faltaron os mandados da nosa Meca, que conseguiu que dende luns ata xoves o pasaramos xenial vestindo de xeito inusual: con algo reciclado na cabeza, con zapatos diferentes, cun bigote e ata viñemos en pixama. 

O venres foi o día grande. Chegou o día de vestirnos de gala e tendo en conta o proxecto do centro, os disfraces foron realizados íntegramente con materiais de refugallo e temática ambiental. 

Gústanos pasalo ben sendo activistas medioambientais!


Fomos ata a praza do concello desfilando e ensinándolles aos nosos veciños e veciñas todo o traballo realizado. Despois voltamos ao centro e esperábanos unha chocolatada con postres típicos de entroido. Que ricos estaban! Moito traballaron as familias e o alumnado!




Aquí vos deixamos un pequeno vídeo sobre o entroido.



xoves, 13 de febreiro de 2020

Entroido 2020!

Ola a todas e a todos!

Xa temos a nosa Meca preparada para o entroido!








Deixámosvos aquí os seus mandatos.







sábado, 1 de febreiro de 2020

Calendario

Un ano máis, desde o CPI de Zas, quixemos agasallar a toda a comunidade educativa cun calendario. Esta vez, o medio ambiente. Ante o gran impacto ambiental, resulta moi importante ensinar a toda a poboación e especialmente a todas/os as/os nenas/os, a que coiden o seu entorno.


Coidar o medio ambiente é un deber e unha responsabilidade de todos os seres humanos, para así valorar e respectar a vida mesma; xa que a humanidade depende do seu entorno e dos seus elementos naturais para a existencia no planeta Terra. Por iso, desde o CPI de Zas comprometémonos co medio ambiente.

Realizamos diferentes lemas relacionados co medio ambiente e estarán connosco mes a mes para recordarnos a importancia de coidar o noso planeta.

Deixámosvos aquí o calendario. Esperamos que vos guste.



Calendario




xoves, 30 de xaneiro de 2020

Día da paz



Ola a todas e a todos!

Hoxe celebramos o día da paz baixo  o lema “Sementemos paz”.

Seguindo o fío condutor deste ano, o medio ambiente, decidimos plantar árbores nunha maceta feita con material de refugallo. 

Deixámosvos aquí unha mostra.