mércores, 20 de decembro de 2023

NADAL 2023

Para festexar o nadal, o equipo propuxo crear unha historia coa colaboración do alumnado de infantil e primaria. 
1º de primaria pintou a árbore de verde e escolleu o protagonista (un boneco de neve) mais o lugar onde transcorrería a historia. Pola súa parte, 2º EP deu comezo a historia e pasoulle a quenda aos compañeiros/as de 3º. Estes, continuaron ca escrita e entregáronlla ao grupo de 4º (así sucesivamente ata culminar a historia en 6º de primaria). Os máis pequenos e pequenas de infantil encargáronse da montaxe mais do decorado final.
Que vos parece? Merece a pena lela!
   
Pero isto non foi todo, tamén procedemos á montaxe dunha árbore de nadal aproveitando a estrutura do maio que tiñamos feita dende o curso pasado.
Grazas aos compañeiros e compañeiras da ESO do equipo do EDLG por axudarnos coa montaxe.


No último día, divertímonos moito con distintos obradoiros de música, manualidades e cociña e rematamos o trimestre cunha sesión de cine con flocos de millo e moooooooito zume. 

luns, 18 de decembro de 2023

RECOMENDACIÓNS LECTORAS NADAL

O trimestre está a piques de rematar e dende o EDLG queremos desexarvos unhas felices festas. Descansade, xogade, comede moito, ride a gargalladas e, sobre todo, sede felices. 
Por aquí vos deixamos unhas recomendacións lectoras por se vos animades a incluílas nas vosas cartas aos Reis Magos. Que mellor regalo que un bo libro??
Vémonos pronto!
                

PASATEMPOS NADAL 2023

Imágenes de Dibujos Navidad - Descarga gratuita en Freepik

Neste enlace poderedes acceder aos pasatempos que elaborou o equipo para festexar o Nadal. 

Agardamos que vos gusten!!


venres, 3 de novembro de 2023

SAMAÍN E MAGOSTO 2O23

O martes 31 festexamos o samaín e o magosto conxuntamente.

      

A temática deste curso estivo enfocada á idea de bruxa como muller sabia. Na Idade Media, as bruxas eran mulleres perseguidas por xerar coñecemento: por saber de medicina, ser parteiras e libres pensadoras. Por iso, neste curso quixemos afastarnos da figura da bruxa como muller mala e terrorífica, e pór en valor as bruxas como as primeiras feministas da historia. Así, fixemos unha viaxe a través dos contos coñecendo exemplos de bruxas diferentes que, coa súa sabedoría, poden cambiar o mundo. 
Decoración de portas, disfraces, teatro, contacontos, queima de medos, photocall, castañada, xogos e moito máis! Premendo AQUÍ poderedes acceder a un vídeo que resume á perfección como festexamos o samaín e o magosto no noso centro. 
Desexamos que vos guste tanto como a nós. 

xoves, 2 de novembro de 2023

REPRESENTACIÓN TEATRAL DE ENGA, UNHA BRUXA PREHISTÓRICA

Nas semanas previas á celebración do samaín e do magosto, os rapaces e rapazas de 6º de primaria prepararon un teatro para o alumnado de 3º, 4º e 5º. Para elo, tomaron como referencia Enga, unha bruxa prehistórica, unha obra chea de emoción e misterio. 

Enga é unha bruxa prehistórica que leva enfeitizada desde hai moito tempo. De forma inesperada, os irmáns Nika e Max conseguen liberala. Desde ese momento, xorde entre eles unha gran amizade que os unirá para sempre. Pero a bruxa ten algo no seu poder, a Pedra do tempo, que fará que uns malvados bruxos, os Babún, a persigan sen descanso para poder arrebatarlla. 

Nas fotos podedes ver os actores e as actrices, o público, a posta en escena e o detrás da cámara.

luns, 30 de outubro de 2023

PASATEMPOS SAMAÍN E MAGOSTO 2023

Este ano continuamos elaborando pasatempos para divertirnos no samaín e no magosto. A diferenza do curso pasado, este ano animámonos a crear algún recurso interactivo. Intentades a resolver algún?

https://es.educaplay.com/recursos-educativos/16528888-pasabalabra_de_samain.html

https://es.educaplay.com/recursos-educativos/16528818-sopa_de_letras_de_terror.html

Tamén deixamos por aquí os pasatempos feitos en formato papel.

Esperamos que vos gusten!!!

mércores, 31 de maio de 2023

O "DÍGOCHO EU" DO CPI DE ZAS

Este curso o alumnado do centro prepara vídeos para aprender a comunicarnos correctamente na nosa lingua. 

Preme AQUÍ para ver algúns dos erros que cometemos no noso día a día cando nos comunicamos en galego e aprende a facelo de forma correcta. 

A que ti tamén metes a pata con algún destes erros tan comúns? Anímate a gravar algún vídeo, estaremos encantadas de colgalo no noso blogue!

martes, 30 de maio de 2023

CORRELINGUA 2023

Este curso a rapazada da ESO e mais o alumnado de 4º, 5º e 6º de primaria asistiron ao Correlingua de Compostela o pasado venres 26 de maio. 

Fíxose unha andaina pola zona monumental da cidade e puidemos gozar de música en vivo grazas á actuación de Cuarta Xusta, un grupo que nace en Melide polo 2016. Tamén escoitamos o manifesto do Correlingua deste ano titulado NA CASA, NA ESCOLA, BOTA A LINGUA FÓRA e levamos algunha pancarta para defender o uso do galego. 

                                                             

QUEDOU MOI BONITA E COLORIDA.
GRAZAS A TODOS E TODAS POR PARTICIPAR!

venres, 19 de maio de 2023

II FESTA DA LINGUA

Este ano o EDLG decidiu continuar ca festa da lingua. Xa imos pola segunda edición e estivemos cantando e movendo o esqueleto con Pakolas, un músico guitarreiro que fai música para os máis cativos e cativas. 

Por aquí deixamos algunha fotiño para que vexades que ben o pasamos!

mércores, 17 de maio de 2023

DÍA DAS LETRAS GALEGAS 2023: FRANCISCO FERNÁNDEZ DEL RIEGO

Chegou a semana dedicada ás Letras Galegas e este ano o homenaxeado é Francisco Fernández del Riego. Desde o EDLG propuxemos a creación de diferentes pósters. Deixamos algunha fotiño para que vexades tanto o proceso como o resultado:

 

venres, 5 de maio de 2023

OS MAIOS

Hoxe pasamos unha tarde moi entretida facendo o maio. Gústavos o resultado? A nós encantounos! 


Grazas a todos/as por participar!


xoves, 23 de febreiro de 2023

ROSALÍA DE CASTRO

Este curso decidimos deixar a Rosalía de forma permanente no noso centro. O alumnado da ESO encargouse de debuxar a súa silueta para logo enchela con palabras relacionadas ca autora. Que vos parece a idea? 



domingo, 12 de febreiro de 2023

sábado, 11 de febreiro de 2023

MANDADIÑOS ENTROIDO 2023

Chega unha das semanas máis esperadas e divertidas ao CPI de Zas. Podedes consultar os mandados premendo aquí