Con esta imaxe de Leandro Lamas damos a benvida ao "Ciclo de maio".
O Consello da Cultura galega elaborou un proxecto onde xuntou algunhas das voces da música galega. Estes artistas cantan "O maio", un dos poemas máis coñecidos de Curros Enríquez no que o poeta invoca unha primavera de liberdade e xustiza.
Esta canción mestura rumba con influencias da música tropical para dar a benvida ao mes de maio e, de paso, celebrar a vida con talento solidario.
Agardamos que vos guste!
Deixámosvos aquí a letra por se vos animades a cantar.
O MAIO
Aí vén o maio
de frores cuberto ...
de frores cuberto ...
Puxéronse á porta
cantándome os nenos;
i os puchos furados
pra min estendendo,
pedíronme crocas
dos meus castiñeiros.
Pasai, rapaciños,
calados e quedos;
que o que é polo de hoxe
que darvos non teño.
Eu sonvos o probe
do pobo gallego:
pra min non hai maio,
pra min sempre é inverno! ...
Cando eu me atopare
de donos liberto
i o pan non me quiten
trabucos e préstemos,
e como os do abade
frorezan meus eidos,
chegado habrá estonces
o maio que eu quero ...
Queredes castañas
dos meus castiñeiros? ...
Cantádeme un maio
sin bruxas nin demos;
un maio sin segas,
usuras nin preitos,
sin quintas, nin portas,
nin foros, nin cregos.
Manuel Curros Enríquez, "Aires da miña Terra".
Ningún comentario:
Publicar un comentario