Chegou o Día das Letras Galegas!! Hai cousas que nin a pandemia pode cambiar (e menos mal!). Este ano está dedicado a #XelaArias e o alumnado de 2º ESO fixo esta marabilla de vídeo para achegarnos á Xela nena, á Xela tradutora, á Xela poeta e á Xela inconformista. Agardamos que vos guste!
Ademais, o venres 13 dedicamos a xornada a Xela Arias grazas a uns xogos preparados polos equipos de dinamización e biblioteca. Que ben o pasamos!
Tamén vos deixamos un exemplo dos cuestionarios que tiveron que resolver en pequenos grupos. Toda a información estaba agochada na exposición da biblio, no vídeo e nos xogos, pero, aínda así, cantas e cantos de vós superariades a proba??
[picade na imaxe para ler o cuestinario]
Ao remate do xogo, todo o alumnado recibiu un agasallo moi doce: un marcapáxinas marabilloso deseñado por Andrea Otero Rego (2ºESO) e unha bolsiña de lambonadas. A nós o que máis nos gustou foi o marcapáxinas, fixádevos que bonitura!?
📍Por diversas razóns loxísticas e climatolóxicas, o concerto da I Festa da Lingua fica aprazado até o día 21/06/2021.
Este curso decidimos meternos de cheo no mundo booktubeiro grazas ao alumnado de 2º ESO e 4º ESO. O primeiro que fixemos foi a formación inicial en preparación dun guión para este tipo de pezas audiovisuais e despois todo foi un fluír de ideas e produtos.
Aquí vos deixamos un par de compilacións para que poidades animarvos o curso que vén a facer os vosos vídeos sobre as vosas lecturas favoritas. Lembrade: o coñecemento só serve se se comparte! 😜
En 1º ESO estivemos traballando arreo para entender a importancia de utilizar unha linguaxe inclusiva coa que nos poidamos sentir identificadas todas as persoas, que estea libre de estereotipos sexistas e que fomente a igualdade entre todas as persoas.
Despois da formación, producimos pequenos vídeos cun formato similar ao da canle de Tik-Tok de Esther Estévez. Aquí vos deixamos algún exemplo do melloriño. Lembrade desbotar expresións machistas ou sexistas da vosa linguaxe!!